Dende que estou lonxe a comida da casa sabe a bicos. As fotos póñenme triste. E, cando estou de volta, o tempo, aínda que pasa voando, mídese en minutos.
Ata as conversas telefónicas son distintas. Os vas vir cear, podes regar, queres que te vaia buscar, deixaron espacio a outras escenas.
Onte fixeime en que tódalas conversas comezan coa descripción da paisaxe, a atmosfera, o momento do día, qué están a facer as personaxes principais.
As árbores están esplendorosas.
Non sei qué ocorre que ladran os cans e berra una oca.
Fai tan bo día que puxen o pantalón curto.
Escoita un momento, mira o que está a facer o can.
Pecho os ollos e estou alí. Parte dese escenario que me queda tan lonxe, en tan só dous minutos. A descripción da terra, do sitio de onde son, achégame dunha maneira aínda máis forte que as palabras máis específicas de expresar agarimo.
Coma nunha novela das de sempre.
É fermosísimo isto que dis. E que ben o entendo…